Tras realizar novas recollidas de sementes e estaquillas en Ribadeo (Galicia) das especies características do hábitat 4040* Brezais costeiros de Erica vagans na contorna das zonas previstas para a súa restauración polo proxecto LIFE GLOBAL, as tarefas de produción de planta en laboratorio comezaron por parte do equipo especialista do grupo AgroBioTech for Health da Universidade de Vigo dentro das súas instalacións.
Os resultados preliminares mostran un enraizamento satisfactorio das estaquillas recollidas, grazas á idoneidade da metodoloxía establecida. Tamén comezaron a xerminar as sementes recollidas, chegando incluso a transplantarse unha parte das mesmas. Con respecto aos protocolos de establecemento in vitro, estes están a ser optimizados mediante a planificación de recollida de novas mostras durante o verán e o outono.
Esta actuación resulta de grande relevancia para os obxectivos do proxecto, xa que a produción de planta de orixe local e compatible por parte do propio proxecto LIFE GLOBAL permite dispor de material de reprodución para abordar a restauración con garantías, xa que se evita a contaminación xenética e a introdución de ecotipos foráneos, o cal redunda na replicabilidade e o potencial catalítico do proxecto.



