Continúan os traballos de produción de planta para a restauración do hábitat 4040 en Galicia*

Co obxectivo de dispoñer de planta de orixe local para empregar nas futuras tarefas de restauración, durante 2026 continúan os traballos de produción de planta destinados á restauración do hábitat prioritario 4040* Queirogais costeiros de Erica vagans en Ribadeo, no marco do WP14 do proxecto LIFE GLOBAL, dando continuidade ás actuacións iniciadas en 2025, cando comezou a recollida de material vexetal de reprodución na contorna das áreas previstas para a restauración.

A partir das sementes e estaquillas recollidas en distintos períodos fenolóxicos, asegurando así unha maior dispoñibilidade e diversidade do material de reprodución, estase avanzando na multiplicación e cultivo de especies características do hábitat, co obxectivo de dispoñer de planta de orixe local, adaptada ás condicións ecolóxicas do territorio e axeitada para o seu emprego nas futuras actuacións de restauración.

Estes traballos resultan esenciais para garantir a calidade ecolóxica das plantacións e favorecer a recuperación da estrutura e composición florística propia dos queirogais costeiros atlánticos. A produción vexetal desenvólvese coa colaboración do equipo especialista do grupo AgroBioTech for Health da Universidade de Vigo, que presta apoio técnico nos labores de propagación, cultivo e seguimento do material vexetal.

A continuidade desta liña de traballo permitirá dispoñer progresivamente da planta necesaria para abordar as actuacións de restauración previstas por LIFE GLOBAL en Galicia, contribuíndo á mellora do estado de conservación dun dos hábitats prioritarios obxecto do proxecto.

Subscríbete ao noso boletín

Recibe noticias, ofertas exclusivas e contido especial directamente na túa caixa de entrada.