A ZEC Costa da Morte (ES1110005) atópase situada no litoral NW da provincia da Coruña (Galicia, España), e inclúe cantís, sistemas dunares e unha ampla franxa mariña, que alberga unha elevada biodiversidade protexida pola Rede Natura 2000. É o espazo de maior distribución territorial costeira do conxunto de Galicia, comprendendo desde a Praia de Alba (Sabón, Arteixo), ata o Cabo Fisterra, incluíndo na mesma territorios dos concellos de Arteixo, Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Cee, Fisterra, Laracha, Laxe, Malpica de Bergantiños, Muxía, Ponteceso e Vimianzo. Con todo, esta amplitude espacial non é continua, xa que o propio espazo inclúe varias zonas de descontinuidade da protección en áreas onde non hai presenza de elementos clave para a biodiversidade, posto que foron substituídos por zonas urbanas e infraestruturas grises.
ZEC Costa da Morte – ES1110005
DESCRICIÓN XERAL
Superficie (ha): 11.809 ha
Código Natura 2000: ES1110005
O ámbito territorial desta ZEC solápase parcialmente coa ZEPA Costa da Morte (Norte) (ES0000176) e coa ZEPA Corredor migratorio galaico-cantábrico occidental (ES0000554). Ademais, de acordo coa Lei 42/2007 (estatal) e a Lei 5/2019 (autonómica), o ámbito territorial da ZEC Costa da Morte posúe a consideración simultánea de Espazo Natural Protexido, baixo a categoría de Espazo Protexido Rede Natura 2000. Tamén foi identificada unha Área Protexida por Instrumentos Internacionais baixo a figura de Reserva de Biosfera: a Reserva de Biosfera de Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.
SITUACIÓN ACTUAL E ACCIÓNS DE CONSERVACIÓN DO PROXECTO
Aproximadamente o 34% da superficie da ZEC Costa da Morte (ES1110005) correspóndese con áreas mariñas. No 66% restante (superficie terrestre), os medios naturais (sistemas dunares, humidais, matogueiras costeiras e cantís) representan o 60% da ZEC, as áreas con plantacións forestais de especies alóctonas o 5%, e finalmente cabe destacar áreas urbanizadas co 1% restante.
A superficie mariña da ZEC Costa da Morte (ES1110005) son augas territoriais do Estado español. Pola súa banda, na superficie terrestre, as zonas máis próximas ao bordo costeiro inclúense dentro do Dominio Público Marítimo-Terrestre, no cal se executarán as acciones concretas de conservación de LIFE GLOBAL. O resto da superficie terrestre é na súa práctica totalidade de titularidade privada. A ZEC Costa da Morte é un espazo cun gran complexo de ecosistemas litorais que albergan unha elevada biodiversidade, o que o converte nun enclave ecolóxico de gran valor.
Tendo en conta do papel estratéxico que xogan estes ecosistemas, LIFE GLOBAL inclúe unha serie de medidas concretas de conservación na ZEC Costa da Morte (ES1110005) para a mellora do estado de conservación dos hábitats tipo 4020* e 7220*, cuxa sensibilidade e fraxilidade é máis elevada ás ameazas e presións detectadas por este proxecto que noutros dos hábitats presentes.