ZEC Complexo húmido de Corrubedo – ES1110006

DESCRICIÓN XERAL

O ámbito da ZEC Complexo Húmido de Corrubedo (ES1110006) abarca humidais, sistemas dunares e unha ampla franxa mariña, incluíndo a illa de Sálvora e a súa contorna insular protexida. Sitúase dentro da rexión bioxeográfica Atlántica, e inclúe, de Norte a Sur, o territorio litoral da parte máis meridional da ría de Muros e Noia no que se atopa o complexo húmido de Muro e Xuño e o seu sistema dunar asociado (ámbito de Porto do Son); o gran anfiteatro areoso de Corrubedo que constitúe a transición entre a ría de Muros e Noia e a ría de Arousa; ademais da illa de Sálvora e os seus illotes, Vionta, Con de Noro, Herbosa, Rúa, Insabela, Gaboteira, as Sagres as Forcadiñas, situados á entrada da Ría de Arousa.

Superficie (ha): 9.262,87 ha

Código Natura 2000: ES1110006

Outros estados de protección segundo a lexislación nacional ou rexional:

O ámbito territorial desta ZEC alberga por completo á ZEPA Complexo litoral de Corrubedo ES0000313. Esta ZEC inclúese na Rede Galega de Espazos Protexidos baixo diferentes tipos de figuras (Parque Nacional, Parque Natural, Humidal Protexido, Espazo Protexido Natura 2000), que de acordo coa Lei 42/2007 (estatal) e a Lei 5/2019 (autonómica) posúen a consideración de Espazos Naturais Protexidos (ENP). Inclúe tamén a declaración dunha parte do seu ámbito baixo as figuras de Humidal de Importancia Internacional de Ramsar, Área Mariña Protexida Ospar, e inclusión na lista indicativa de Patrimonio Mundial da UNESCO, todas elas consideradas como Áreas Protexidas por Instrumentos Internacionais ao amparo da Lei 42/2007 e a Lei 5/2019.

SITUACIÓN ACTUAL E ACCIÓNS DE CONSERVACIÓN DO PROXECTO

Aproximadamente o 80% da superficie da ZEC Complexo Húmido de Corrubedo (ES1110006) correspóndese con áreas mariñas. No 20% restante (superficie terrestre), os medios naturais (sistemas dunares, lagoas costeiras, matogueiras costeiras, bosques higrófilos e cantís) representan o 62% do territorio, o uso agrícola o 18%, as áreas con plantacións forestais o 11%, o uso urbano o 2% mentres que o uso turístico concéntrase nos sistemas de praia e outras áreas delimitadas para tal fin (6%).

A superficie mariña da ZEC Complexo Húmido de Corrubedo (80%) son augas territoriais do Estado español, mentres que a propiedade da superficie terrestre da ZEC repártese nun 54% de titularidade pública (propiedade da DXPN, beneficiario asociado de LIFE GLOBAL), 42% de titularidade privada e 4% de montes veciñais en man común (réxime de propiedade especifico de Galicia polo que a propiedade a ostenta un colectivo de veciños).

Trátase dun espazo cun gran complexo de ecosistemas vulnerables que albergan unha elevada biodiversidade, o que o converte nun enclave ecolóxico de gran valor. Tendo en conta do papel estratéxico que xogan estes ecosistemas, LIFE GLOBAL inclúe unha serie de medidas concretas de conservación na ZEC Complexo Húmido de Corrubedo (ES1110006) para a mellora do estado de conservación do tipo 1150*, cuxa sensibilidade e fraxilidade é máis elevada ás ameazas e presións detectadas por este proxecto que noutros dos hábitats presentes.

Subscríbete ao noso boletín

Recibe noticias, ofertas exclusivas e contido especial directamente na túa caixa de entrada.