Comezan os traballos para a mellora das perspectivas futuras do hábitat da avifauna na ZEPA A Limia (España)

A Misión Biolóxica de Galicia (dependente do Consello Superior de Investigacións Científicas, e á súa vez, beneficiario de LIFE GLOBAL) comezou a executar as actuacións de xestión adaptativa para a conservación futura do hábitat das especies de avifauna na ZEPA A Limia (Galicia, España). Este grupo de actuacións é considerado un conxunto de boas prácticas que seguen os protocolos máis recentes da literatura científica con respecto á mellora do estado de conservación das poboacións de avifauna presentes, e que contribúen a manter, ou no seu caso incrementar, os seus efectivos poboacionais.

Durante este período, os primeiros traballos executados foron o control da vexetación competidora, o manexo da vexetación natural, e a sementeira de leguminosas nativas nesta localidade (Trifolium subterraneum, Medicago polymorpha, Ornithopus sativus) que resultan de elevado interese para a alimentación de tres especies de aves catalogadas en perigo de extinción en Galicia: o alcaraván común (Burhinus oedicnemus), a avefría europea (Vanellus vanellus) e o sisón común (Tetrax tetrax), este último tamén coa máxima categoría de ameaza en España e na Unión Europea.

A actuación desenvólvese en terreos do Monte Veciñal en Man Común de Vilar de Gomareite, no municipio de Vilar de Barrio (Ourense, España), grazas a un acordo previo para o establecemento de pagos únicos compensatorios cos veciños propietarios pola cesión de dereitos de uso durante un período de 30 anos, o cal permitirá o mantemento a longo prazo das melloras establecidas polo proxecto.

Subscríbete ao noso boletín

Recibe noticias, ofertas exclusivas e contido especial directamente na túa caixa de entrada.