A ZEC Montaña Central de León (ES4130050) é un espazo de montaña de grandes contrastes que conta cunha interesante complexidade litolóxica onde se alternan substratos calcarios e silíceos, na que predomina un relevo acusado, -pero onde tamén teñen cabida excepcionais e amplos vales- que conserva trazos morfolóxicos de orixe glaciar e mostras de procesos kársticos, cunha clara dominancia das formacións de matogueira e de pasteiro. A escasa representación da vexetación arbórea corresponde nas zonas calcarias con bosques de faias, xinebros, caxigos, aciñeiras ou abeleiras, mentres que nas zonas de natureza silícea aparecen carballeiras, bosques de faias e de bidueiros. É importante tamén sinalar a presenza de amplas superficies de forestacións de coníferas. Hábitats rochosos e de turbeira completan unha paisaxe na que atopan o seu nacemento os ríos Bernesga, Torío e Curueño. Esta importante diversidade de ecosistemas motiva que este sexa un territorio de gran interese como corredor ecolóxico, en particular para o oso pardo (Ursus arctos). De feito, este sector da Cordilleira Cantábrica correspóndese coa área de descontinuidade entre as subpoboacións oriental e occidental de dita especie.
ZEC Montaña Central de León – ES4130050
DESCRICIÓN XERAL
Superficie (ha): 34.351,90 ha
Código Natura 2000: ES4130050
Dentro do ámbito territorial da ZEC inclúense outros status de protección de acordo coa lexislación nacional ou rexional, chegando a identificarse ata 66 Montes de Utilidade Pública, 2 Vías Pecuarias e a proposta de 7 Microrreservas de Flora. Ademais, foron identificadas 3 Áreas Protexidas por Instrumentos Internacionais baixo a figura de Reserva de Biosfera: Alto Bernesga, Los Argüellos e Valles de Omaña y Luna.
SITUACIÓN ACTUAL E ACCIÓNS DE CONSERVACIÓN DO PROXECTO
O uso maioritario na ZEC Montaña Central de León (ES4130050) é o forestal, no cal é posible diferenciar a matogueira cun 47%, o pasteiro cun 31%, o arboredo pechado cun 9% e o arboredo aberto cun 8%. A superficie restante corresponde a agrícola cun 4% e solo artificial cun 1%.
Con respecto á titularidade do solo, a maior parte do mesmo é solo de propiedade pública, cun 67%, mentres que a superficie de titularidade privada supón o 29% do espazo. O 4% restante considérase indeterminado. As accións propostas no proxecto sobre o hábitat 9560* Bosques endémicos con Juniperus spp atópanse sobre terreos de titularidade pública xestionados por JCYL.
A ZEC Montaña Central de León (ES4130050) presenta unha alta potencialidade para incrementar a superficie de ocupación do tipo 9560* na mesma, sobre todo considerando a súa estreita relación coas ZEC limítrofes Valle de San Emiliano (ES4130035) e ZEC Picos de Europa en Castela e León (ES4130003), así como coa continuidade que as representacións atlánticas do tipo 9560* posúen coas poboacións mediterráneas do mesmo, presentes na ZEC Fuentes Carrionas e Fuente Cobre-Montaña Palentina (ES4140011) e que serán receptoras das actuacións de conservación de LIFE GLOBAL. As actuacións que o proxecto propón levar a cabo dentro da ZEC Montaña Central de León (ES4130050) favorecerán de maneira significativa a conservación do tipo de hábitat 9560* Bosques endémicos de Juniperus spp. en Montes de Utilidade Pública da provincia de León, xestionados por JCYL, o que asegura a dispoñibilidade dos terreos e o posterior seguimento e mantemento.