O pasado 21 de maio tivo lugar a presentación do proxecto LIFE GLOBAL en Navarra, nun encontro celebrado no Monte de Limitaciones e no Parque Natural de Urbasa-Andía.
Na xornada participaron persoal técnico do Servizo de Biodiversidade do Goberno de Navarra e de Gestión Ambiental de Navarra (GAN-NIK), así como representantes da Xunta do Monte de Limitaciones de Améscoa, do Parque Natural de Urbasa-Andía e do Corpo de Gardaría de Medio Ambiente.
Durante a visita percorréronse os rasos do Monte de Limitaciones e de Urbasa, dous enclaves de gran interese ecolóxico nos que conflúen breixeiras húmidas, coa presenza de Genista anglica, e pasteiros, elementos característicos destas paisaxes abertas tradicionalmente vinculadas á gandaría extensiva. Un dos principais puntos de interese da xornada foi o raso de Urbasa, cuxa singularidade vén determinada pola presenza de encharcamentos temporais e dunha complexa rede de drenaxe que discorre polo núcleo do sinclinal ata desaparecer a través de dolinas e sumidoiros. Estas condicións naturais configuran un contorno de especial valor para a conservación de hábitats prioritarios.
Neste contexto, LIFE GLOBAL contempla actuacións destinadas a mellorar o coñecemento e o estado de conservación dos hábitats prioritarios presentes nestes enclaves, entre os que destacan as breixeiras húmidas e as charcas temporais. Deste xeito, o proxecto contribuirá a preservar a biodiversidade e reforzar a resiliencia destes ecosistemas.

