O Concello de Ribadeo, beneficiario do proxecto LIFE GLOBAL, foi finalista no Concurso Anual de Comunicación de Fondos Europeos de Galicia – Premios #EuropaXunta, polos éxitos acadados na restauración de hábitats naturais co gallo do proxecto LIFE FLUVIAL. O recoñecemento tivo lugar o 5 de novembro de 2026, nun acto celebrado no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), en Santiago de Compostela.
A candidatura foi presentada polo propio Concello de Ribadeo, socio beneficiario de LIFE FLUVIAL, un proxecto que sentou as bases de traballo e colaboración sobre as que agora LIFE GLOBAL continúa avanzando.
Este concurso busca recoñecer e dar visibilidade aos proxectos europeos que contribúen ao desenvolvemento de Galicia, poñendo en valor o impacto dos fondos europeos no territorio e achegando os seus resultados á cidadanía.
Para moitos concellos, especialmente aqueles con recursos técnicos e humanos limitados, participar neste tipo de iniciativas pode supoñer un importante reto. Neste sentido, o traballo en partenariado facilita a súa incorporación, grazas á colaboración entre entidades que achegan diferentes coñecementos e capacidades, coma o IBADER (tamén beneficiario de LIFE GLOBAL), que achega apoio e asesoramento técnico para o desenvolvemento das actuacións.
A condición de finalista de LIFE FLUVIAL nos Premios #EuropaXunta supón, así, un recoñecemento ao traballo desenvolvido e un exemplo do valor da cooperación entre administracións locais e entidades especializadas para impulsar proxectos europeos con impacto no territorio.



